O Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información define as políticas para que Galicia se introduza plenamente na sociedade da información. Esta inciativa do Goberno galego busca fomentar o desenvolvemento dunha economía do coñecemento até acadar a converxencia de Galicia cos obxectivos fixados pola Unión Europea na Estratexia de Lisboa, e nas sucesivas revisións deste programa.
Para acadar este obxectivo, o PEGSI parte, en primeiro lugar, dunha análise detallada do estado das novas tecnoloxías no país. Esta análise está materializada en oito diagnósticos sectoriais, que constitúen os informes que foron presentados en novembro de 2006.
A partir desta base, comeza un proceso de debate que culmina coa remisión do Plano ao Consello da Xunta. Neste proceso de discusión participan expertos da sociedade da información de todos os ámbitos. O obxectivo final é que o PEGSI, unha vez aprobado, defina unha serie de actuacións concretas que a administración porá en marcha para o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia.
Está dispoñíbel un resumo do PEGSI en formato pdf.