Plano estratéxico > 9 - Instrumentos
A posta en marcha, seguimento e certificación das iniciativas presentadas forman parte da responsabilidade de execución do PEGSI. Por iso é necesario establecer un modelo de xestión que permita asegurar o impulso e dinamización do Plan, a monitorización e evolución das iniciativas e proxectos e a actualización dos indicadores que reflictan o seu progreso. Todo isto tendo en conta a súa natureza horizontal coa conseguinte dificultade á hora de coordinar iniciativas, moitas delas fortemente interrelacionadas e complexas, que se van executar baixo a responsabilidade directa dos diferentes departamentos e unidades organizativas da Administración galega, e tamén coas consecuentes implicacións no conxunto da sociedade galega. Así tamén é importante que queden recollidas, nos instrumentos de coordinación e seguimento, as achegas procedentes daquelas ferramentas de natureza sectorial que titorizan o desenvolvemento da Sociedade da Información nos seus eidos respectivos.
Por todo iso son fundamentais os órganos de coordinación, algún deles xa en funcionamento como é a Comisión Interdepartamental, capaces de impulsar e xestionar as iniciativas e proxectos interadministrativos para asegurar o consenso, a súa priorización ou as asignacións de orzamentos. Ou a Oficina do PEGSI, que debe asumir a responsabilidade de velar polo cumprimento dos obxectivos de cada liña, iniciativa e das súas correspondentes actuacións, ademais de impulsar e monitorizar o seu grao de execución. Tamén é fundamental o compromiso conxunto da Administración galega a través do seu potencial político e competencial, sobre todo cando se trata de implicar a axentes externos, ben a través do apoio ao sector empresarial, organizacións ou asociacións cidadás, ben cando se trata de acadar alianzas con outros axentes para procurar determinados obxectivos máis específicos.
Tamén é importante a mostra en instrumentos que sirvan de facilitadores para o desenvolvemento da Sociedade da Información, a xeito de impulso de proxectos pioneiros ou pilotos, co fin de, favorecer o desenvolvemento de grupos de traballo asociados a iniciativas sectoriais concretas, fomentar a participación activa dos axentes implicados ou alcanzar unha identificación visual nidia do Plano e da súa execución. En definitiva, desenvolver instrumentos que sexan capaces de abrir, concretar e executar o PEGSI no contorno social do país.
Engloban os indicadores de cada unha das liñas de actuación.
Estimación orzamentaria da Xunta de Galicia: 21.576.000 €
Estimación aporte doutras Administracións: 1.079.000 €
Total: 22.655.000 €
O PEGSI agrupa as medidas a tomar en 8 estratexias operativas, cada unha referida a un eido de actuación. Así, o descritivo INF fai referencia a "Infraestruturas para a Sociedade da Información", IeCA a "Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto", CeS a "Contidos e servizos", TIC a "Desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información", EMPR a "Aplicación das TIC polo tecido empresarial", PUB a "Servizos públicos de calidade", INCL a "Inclusión e sostibilidade" e INSTR a "Instrumentos para a xestión das políticas públicas da Sociedade da Información".
Á súa vez, cada estratexia integra varias liñas de actuación, identificadas polo descritor LA e un número, por exemplo CES-LA2.
Por último, cada liña de actuación pode ter varias iniciativas, que levan o seu propio descritor I máis un número. Así fórmase, por exemplo CES-LA2-I3.