Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

Plano estratéxico > 7 - Servizos públicos de calidade




7 - Servicios públicos de calidade

 

Motivación e obxectivos

O sector público, nomeadamente a Xunta de Galicia, desempeña un papel absolutamente esencial no modelo social de Galiza, xa que fai posible que todos os galegos gocen dun elevado nivel de benestar, accedan a servizos básicos como o ensino e a sanidade ou gocen das prestacións sociais que lles dean cobertura ante calquera situación desfavorable, temporal ou permanente.

Pero os poderes públicos galegos tamén son primordiais na realidade económica do país: non en van, o orzamento da Xunta de Galicia supón arredor do 23% do noso PIB. Son altas tamén, pois, as esixencias cara ao sector público como axente económico que debe impulsar o crecemento de Galiza.

Esta presenza fundamental, aplicada ao campo da Sociedade da Información e todo o que esta implica, en relación cos servizos públicos, supón a aparición de novos retos. O que constitúe que o documento sexa o marco de referencia neste eido, o Plano de Acción e-government 2010 da Unión Europea, establece obxectivos xa moi manexados, pero non por iso doados de alcanzar como son: a eficiencia, a eficacia, a calidade, a seguridade ou a interoperabilidade.

Pero ademais, tamén existen compromisos de carácter incluínte, que garantan que para 2010, "todos os cidadáns, incluíndo os grupos socialmente desfavorecidos, poidan beneficiarse plenamente da administración electrónica", e que as administracións públicas presten servizos de confianza e máis facilmente accesibles, mediante "o uso innovador das TIC, a sensibilización crecente sobre os beneficios da administración electrónica e a mellora das capacidades dos usuarios".

O conxunto destes retos sociais e económicos pode afrontarse dun xeito exitoso coa contribución das TIC. Non obstante, como xa subliñara a Comisión Europea na súa comunicación ao Parlamento e ao Consello de setembro de 2003 sobre o papel da administración electrónica no futuro de Europa, poñer unicamente a énfase nas TIC é un erro: a chave reside na súa aplicación combinada cos cambios organizativos e funcionais e coa adquisición das aptitudes necesarias. En síntese, acompañar a evolución tecnolóxica co necesario cambio cultural.

A Xunta de Galicia, no marco do PEGSI, asume o liderado social e económico que lle corresponde no desenvolvemento da Sociedade da Información e, polo tanto, débelle facer fronte aos retos debullados. E asume estes retos na convicción de que a súa resolución exitosa significa un camiño de mellora en múltiples facetas. Porque suporá que o cidadán reciba máis servizos, mellores e máis achegados e accesibles. Porque a propia administración modernizará as súas estruturas, evolucionando cara ao demandado escenario de calidade e eficiencia. Porque a mobilización de recursos e a demanda de solucións poderá incidir sobre a competitividade do tecido económico galego. E porque a administración, como principal axente de demanda TIC do país, xerará actividade que redunde na capacidade innovadora e na proxección do sector empresarial galego da Sociedade da Información.

Ao longo das seguintes páxinas enuméranse as estratexias, os obxectivos e as iniciativas a desenvolver en eidos tan básicos como o ensino, a saúde, os servizos sociais, a xustiza, o transporte, o emprego ou a xestión de emerxencias. Fálase de administración electrónica no seu máis amplo sentido, tanto no contorno autonómico como no local, o máis achegado ao cidadán e tamén o que dispón de menos recursos.

A consecución, nestes catro anos, das ambiciosas metas que se establecen, situarán á administración pública galega na posición de contribuír moi activamente á consecución dos obxectivos de converxencia que ten marcado o país e de fornecer uns servizos públicos innovadores, de calidade e para todos os galegos.

 

Orzamento:

Estimación orzamentaria da Xunta de Galicia: 297.273.000 €
Estimación aporte doutras Administracións: 43.646.000 €
Total: 340.919.000 €

 


O PEGSI agrupa as medidas a tomar en 8 estratexias operativas, cada unha referida a un eido de actuación. Así, o descritivo INF fai referencia a "Infraestruturas para a Sociedade da Información", IeCA a "Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto", CeS a "Contidos e servizos", TIC a "Desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información", EMPR a "Aplicación das TIC polo tecido empresarial", PUB a "Servizos públicos de calidade", INCL a "Inclusión e sostibilidade" e INSTR a "Instrumentos para a xestión das políticas públicas da Sociedade da Información".

Á súa vez, cada estratexia integra varias liñas de actuación, identificadas polo descritor LA e un número, por exemplo CES-LA2.

Por último, cada liña de actuación pode ter varias iniciativas, que levan o seu propio descritor I máis un número. Así fórmase, por exemplo CES-LA2-I3.

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia