Plano estratéxico > 5 - Desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información
Impulsar o desenvolvemento do sector empresarial asociado á Sociedade da Información1 no seu sentido máis amplo, desde os servizos informáticos até a produción de contidos converxentes, -pasando pola electrónica e a fabricación de dispositivos- debe ser un elemento chave, xa non nunha estratexia de Sociedade da Información, senón no marco xeral de desenvolvemento económico do país.
Os datos avalan e sustentan a anterior información. Como xa se apunta no marco estratéxico que abre o PEGSI, as TIC sitúanse no eixo da produtividade e do emprego no conxunto de Europa: o investimento e a innovación en TIC achegaron o 40% do crecemento da produtividade no período 2000-2005, o sector empresarial das TIC contribúe coa cuarta parte do crecemento do PIB da Unión e as súas vendas supuxeron o 8,5% das vendas empresariais en 2004.
No Estado Español, o gasto en TIC sitúase nun 5,5% do PIB, arredor dun punto por debaixo dos parámetros europeos. Os servizos da Sociedade da Información en Galiza acadan un volume de negocio arredor do 3,4% do PIB, media sensiblemente inferior á estatal e afastada das Comunidades Autónomas máis desenvolvidas. Polo que se refire ao emprego, as estimacións feitas indican que os 8.000 postos de traballo que o sector xera en Galiza supoñen o 0,7% da poboación ocupada, fronte ao 1,1% do conxunto do Estado. Atópase, pois, coa obriga de realizar un percorrido ata os 4.000 empregos dun escenario obxectivo de converxencia.
Máis aló das cifras, a realidade é que o impacto do sector TIC na produtividade e, polo tanto, no desenvolvemento económico, é moi importante, non só pola súa propia contribución á produtividade, senón porque a incorporación dos produtos innovadores que fornece incide directamente na eficiencia empresarial e competitividade dos restantes sectores económicos e de actividade.
Polo tanto, no PEGSI maniféstase a firme vontade da Administración galega de impulsar decididamente o desenvolvemento do sector empresarial galego asociado ao desenvolvemento da Sociedade da Información, co obxectivo de perseguir, coa execución das diferentes iniciativas do Plano, a converxencia co resto do Estado e da media europea, para que sitúe a súa achega ao PIB ao redor do 7%.
Para que este feito chegue a ser unha realidade é imprescindible considerar unha serie de factores. En primeiro lugar, a execución dun sistema eficiente de innovación no eido das TIC. A mesma Comisión Europea atopa que a menor eficiencia do sistema europeo en relación co estadounidense está na base dos diferenciais de produtividade2. Cómpre artellar un sistema con lazos de relación e cooperación entre os axentes implicados, con financiamento axeitado para a xeración de coñecemento, que promova a cultura innovadora nas empresas e que, en definitiva, supoña un marco de condicións favorables para o desenvolvemento da acción innovadora. Neste eido, é obxectivo sacar proveito das sinerxías existentes entre o PEGSI e o PGIDIT 2006-2010, que contempla accións específicas de configuración do espazo galego de innovación, no que as novas tecnoloxías teñen un relevante papel.
Por outra banda, o sector empresarial da Sociedade da Información en Galiza presenta unha serie de características que non favorecen o seu desenvolvemento: a atomización, entendida como a forte presenza de moi pequenas empresas con febles ligazóns de actividade; os insuficientes niveis de especialización e cooperación, feito que non é capaz de corrixir a cada vez maior corrente de asociacionismo; ou o carácter local dos mercados, cunha proxección internacional mínima.
En consecuencia, esta liña de acción márcase como outro dos seus obxectivos, o artellamento do sector, promovendo a cooperación e a integración entre as empresas do sector en xeral e entre as de menor tamaño en particular, favorecendo a creación e o crecemento de polos de excelencia en actividades relacionadas coa Sociedade da Información, estimulando a creación de compañías locais e a atracción de novos proxectos empresariais. Ademais, será necesario explorar activamente novas solucións e modelos de negocio que amosen un interesante percorrido potencial, tratando de anticipar a reacción da industria para aproveitar as estreitas fiestras de oportunidade existentes no sector.
En síntese, é preciso impulsar a mellora da oferta de servizos e aplicacións TIC por medio da investigación aplicada e a innovación, a creación de empresas de base tecnolóxica (co importante papel neste ámbito do spin-off universitario), a mellora das condicións de competitividade das empresas existentes e a ampliación dos seus mercados.
Pero, antes de rematar, non se pode esquecer un terceiro factor primordial, que é tratado tamén nas restantes estratexias sectoriais pero que xorde especialmente determinante nesta: o coñecemento dos profesionais que desenvolven a súa actividade laboral no sector empresarial da Sociedade da Información. O futuro do sector TIC recae totalmente no capital humano, polo que é ineludible que o sistema educativo galego sexa quen de dar resposta ás demandas neste terreo do tecido empresarial, xerando os profesionais mellor cualificados.
Tamén as estratexias de aprendizaxe ao longo da vida laboral (life-long learning) están chamadas a desempeñar un papel cada vez máis determinante para explotar con éxito as potencialidades desta industria xa básica.
Estimación orzamentaria da Xunta de Galicia
Estimación aporte doutras Administracións
Total
139.980.000 €
36.115.000 €
176.095.000 €
(1) Neste documento o sector empresarial das TIC está composto por un conxunto de subsectores, entre os que se atopan: a industria de compoñentes electrónicos, a electrónica de consumo e a profesional, os equipamentos das telecomunicacións, os operadores e provedores de servizos de telecomunicación e os propios dos servizos das tecnoloxías da información (hardware e software, consumibles ou servizos de valor engadido).
(2) Comisión Europea. The Lisbon Strategy and the EU’s structural productivity problem, European Economy Review, 2004.
O PEGSI agrupa as medidas a tomar en 8 estratexias operativas, cada unha referida a un eido de actuación. Así, o descritivo INF fai referencia a "Infraestruturas para a Sociedade da Información", IeCA a "Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto", CeS a "Contidos e servizos", TIC a "Desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información", EMPR a "Aplicación das TIC polo tecido empresarial", PUB a "Servizos públicos de calidade", INCL a "Inclusión e sostibilidade" e INSTR a "Instrumentos para a xestión das políticas públicas da Sociedade da Información".
Á súa vez, cada estratexia integra varias liñas de actuación, identificadas polo descritor LA e un número, por exemplo CES-LA2.
Por último, cada liña de actuación pode ter varias iniciativas, que levan o seu propio descritor I máis un número. Así fórmase, por exemplo CES-LA2-I3.