Plano estratéxico > 4 - Contidos e servizos
A produción de contidos e servizos é o compoñente máis importante, dentro da cadea de valor da información, desde dous puntos de vista: porque é a chave do mantemento dunha identidade cultural propia e porque representa a maior porcentaxe do valor engadido que se xera nesa cadea de valor.
E é que en Galiza é especialmente importante porque é a ferramenta que vai garantir o mantemento da nosa identidade cultural fronte ao risco do anegado por contidos alleos, xa que son o principal motor de demanda e uso e visualización da Sociedade da Información por parte da cidadanía e tamén polas institucións e o tecido empresarial. E enxergado con este último, o desenvolvemento de contidos e servizos, tanto para a produción propia como para a exportación a outros mercados, supoñen unha oportunidade para a evolución da economía e do emprego fronte á que non se pode permanecer impasible, máis aínda cando se parte dunha situación de atraso como é no caso galego.
Máis aínda cando dentro das directrices da Unión Europea (i2010) se presenta como unha liña prioritaria de acción o respecto á diversidade lingüística e cultural europea dentro do eido da produción de contidos e servizos ou cando un dos programas europeos con máis recursos, o eContent, está orientado á produción, uso e distribución de contido dixital pero tamén preservar e fomentar a diversidade lingüística e cultural dentro da contorno globalizador actual.
Dentro do marco do PEGSI a Administración autonómica debe ser quen de liderar unha serie de iniciativas que deben ter por obxectivo artellar un sector empresarial de contidos e servizos (de ordenación, potenciación da colaboración dentro do sector, infraestruturas, I+D+i, axudas de financiamento) e preparar o mercado para que os produtos obtidos teñan a receptividade adecuada (promoción, comercialización en mercados propios e alleos, preservar a cultura e os valores do galego, adecuación da oferta e a demanda, potenciación de produtos de ocio pero tamén de contidos educativos).
Engloban os indicadores de cada unha das liñas de actuación.
Estimación orzamentaria da Xunta de Galicia: 26.892.000 €
Estimación aporte doutras Administracións: 3.670.000 €
Total: 30.562.000 €
O PEGSI agrupa as medidas a tomar en 8 estratexias operativas, cada unha referida a un eido de actuación. Así, o descritivo INF fai referencia a "Infraestruturas para a Sociedade da Información", IeCA a "Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto", CeS a "Contidos e servizos", TIC a "Desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información", EMPR a "Aplicación das TIC polo tecido empresarial", PUB a "Servizos públicos de calidade", INCL a "Inclusión e sostibilidade" e INSTR a "Instrumentos para a xestión das políticas públicas da Sociedade da Información".
Á súa vez, cada estratexia integra varias liñas de actuación, identificadas polo descritor LA e un número, por exemplo CES-LA2.
Por último, cada liña de actuación pode ter varias iniciativas, que levan o seu propio descritor I máis un número. Así fórmase, por exemplo CES-LA2-I3.