Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

Plano estratéxico > 3 - Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto




3 - Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto

 

Motivación e obxectivos

Nos últimos anos a Administración pública está tentando levar a cabo un proceso de integración, baixo o concepto do desenvolvemento da interoperabilidade administrativa, soportada en estándares abertos, plataformas tecnolóxicas de código libre. Son varias as motivacións que están debaixo deste tipo de iniciativas: por un lado, o desenvolvemento tecnolóxico facilita que a Administración poida presentarse de xeito integrado ante o cidadán, independentemente da súa organización interna ou do seu modelo de repartición competencial, asumindo e desenvolvendo novos modelos de administración centrados no cidadán. Por outro lado, a consideración tanto do coñecemento en si coma do sóftware como un ben común, en canto vehículo universal de acción e comunicación que pode ser regulamentado e promovido institucionalmente, con máis motivo do seu emprego no contorno do servizo público.

No plan de acción eEurope 2002 detállase no capítulo relacionado coa Administración electrónica que un dos obxectivos é "promover a aplicación das mellores prácticas e do intercambio de experiencias desenvoltas con sóftware de código libre no sector público e no eGovernment". No seguinte plan de acción, o eEurope 2005 tamén fai referencia ao sóftware de código aberto, unido, xa, á interoperabilidade e onde se compromete a que "antes de finalizar 2003, a Comisión fará público un marco de interoperabilidade concertado para facilitar a prestación de servizos paneuropeos de administración electrónica a cidadáns e empresas. Nel abordaranse contidos de información e as políticas e especificacións técnicas recomendadas para combinar os sistemas de información da administración pública de toda a UE. Basearase en normas abertas e fomentará o emprego de programas de fonte aberta". A partir de aquí as iniciativas e directrices para a interoperabilidade e o sóftware libre multiplícanse, quedando reflectidos no i2010 onde se "considera á interoperabilidade como un axente que contribúe directamente ao crecemento económico, a través do incremento da produtividade e da racionalidade do emprego de recursos e, polo tanto, sinálaa como un dos retos principais para a creación dun espazo europeo de información, e como esencial para o desenvolvemento de servizos públicos electrónicos".

Entre outras estratexias, considérase unha gran oportunidade o uso do sóftware libre e de fontes abertas para acadar esa desexada interoperabilidade de servizos e contidos, de xeito que eses servizos paneuropeos de administración electrónica estean tecnicamente baseados en normas europeas ou especificacións de acceso público, á semellanza das normas abertas da Internet.

Neste contexto, distintos programas e organismos da Unión Europea teñen contribuído con diversos documentos, guías e recomendacións para a posta en práctica destas políticas públicas comunitarias, como é o caso da Guía para a migración a sóftware libre orientada ás administracións públicas. Noutro plan, a Comisión Europea definiu a través da súa axencia IDABC un Marco Europeo de Interoperabilidade para os Servizos Paneuropeos de Goberno Electrónico, no que basea esta implementación nos principios de accesibilidade, multilingüismo, seguridade, privacidade, subsidiaridade, uso de estándares abertos, aproveitamento dos beneficios do sóftware libre e o uso de solucións multilaterais.

A Administración galega asume eses obxectivos de mellora da súa eficiencia, eficacia e transparencia na prestación dos servizos públicos, de desenvolvemento dunha administración electrónica verdadeiramente centrada no cidadán, de fomento dun tecido empresarial propio asociado ás TIC, e de acadar que o coñecemento sexa un ben público e accesible para toda a cidadanía. Baixo estas catro grandes motivacións propón a execución das seguintes iniciativas no escenario que debuxa o PEGSI.

 

Indicadores

Engloban os indicadores de cada unha das liñas de actuación.

 

Orzamento da Xunta de Galicia

Estimación orzamentaria da Xunta de Galicia: 4.360.000 €
Estimación aporte doutras Administracións: 292.000 €
Total: 4.652.000 €


O PEGSI agrupa as medidas a tomar en 8 estratexias operativas, cada unha referida a un eido de actuación. Así, o descritivo INF fai referencia a "Infraestruturas para a Sociedade da Información", IeCA a "Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto", CeS a "Contidos e servizos", TIC a "Desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información", EMPR a "Aplicación das TIC polo tecido empresarial", PUB a "Servizos públicos de calidade", INCL a "Inclusión e sostibilidade" e INSTR a "Instrumentos para a xestión das políticas públicas da Sociedade da Información".

Á súa vez, cada estratexia integra varias liñas de actuación, identificadas polo descritor LA e un número, por exemplo CES-LA2.

Por último, cada liña de actuación pode ter varias iniciativas, que levan o seu propio descritor I máis un número. Así fórmase, por exemplo CES-LA2-I3.

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia