Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

Plano estratéxico > 2 - Infraestruturas para a sociedade da información




2 - Infraestruturas para a sociedade da información

 

 

Motivación e obxectivos

Cando se fai referencia a territorios no seu conxunto, os datos globais indicativos da dispoñibilidade de acceso a servizos de banda larga amosan que a maioría de cidadáns e empresas poden gozar deles. En Galiza, segundo o Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual, en 2005 o 74% dos fogares e o 79% das empresas tiñan a posibilidade de contratar un acceso de banda larga a Internet.

Con todo, cando se atende aos niveis de demanda no contorno residencial, no caso residencial o índice de penetración da banda larga é similar ao de dispoñibilidade, menos da cuarta parte dos fogares galegos dispoñen de acceso a Internet de banda larga.

Esta circunstancia pode facer pensar que, sen prexuízo de que o grao de dispoñibilidade de acceso a redes deba elevarse cara a un escenario de universalización, o verdadeiro atranco atópase na demanda e na oferta de servizos de valor engadido. Efectivamente, a segunda parte da afirmación é certa e, en determinados contornos de carácter máis urbano e con maiores índices de actividade económica tamén o é o da accesibilidade xeneralizada aos servizos de telecomunicacións que actúan como porta para os restantes.

Pero en Galiza, do mesmo xeito que noutras zonas de España e Europa, o dato global agocha dous aspectos esenciais que determinan a necesidade de manter unha política activa orientada ao despregamento de infraestruturas da Sociedade da Información.

Por unha banda, a dispoñibilidade de acceso ás redes e infraestruturas dista moito de ser uniforme no territorio: o 80% do territorio galego non tiña posibilidade en 2005 de empregar servizos de banda larga. É dicir, catro quintas partes da extensión do país estarían en risco de formar parte dos 4,7 millóns de potenciais usuarios de banda larga da UE que ficarán excluídos do servizo en 2013, segundo anticipaba o informe da Comisión Europea sobre o Digital Divide Forum de xullo de 2005.

Doutro lado, a competencia efectiva entre operadores está presente só nun reducido contorno do país. Novamente segundo os datos do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual, só no 15% dos núcleos de poboación galegos existe unha oferta de banda larga de polo menos dous operadores: menos da metade de empresas e fogares poden elixir o seu fornecedor de servizos de telecomunicacións de banda larga.

Desde esta perspectiva, e desde a convicción de que a infraestrutura TIC é unha infraestrutura básica para o desenvolvemento de Galiza, a Xunta incorpora ao PEGSI esta estratexia como medio para maximizar a dispoñibilidade de acceso aos servizos da Sociedade da Información en situación de competencia efectiva. Isto supón unha orientación específica cara ao medio rural, asumindo integramente a afirmación da Comisión Europea de que garantir a sostibilidade a longo prazo dos contornos rurais pasa por unha aproximación estratéxica dedicada ao desenvolvemento da Sociedade da Información nestas áreas.

Así pois, a Xunta de Galicia, no marco do PEGSI, desenvolve a presente estratexia de infraestruturas para a Sociedade da Información co firme propósito de verificar as metas establecidas na Declaración de Riga sobre e-inclusión, que marcan un obxectivo de cobertura da banda larga nunca inferior ao 90% da poboación no ano 2010. Do mesmo xeito, e desde unha perspectiva territorial, engádese o compromiso de que todos os núcleos de poboación de máis de 500 vivendas teñan conectividade de banda larga para o 2009.

As redes de telecomunicacións son as principais infraestruturas da Sociedade da Información, pero non as únicas. Nun país onde só pouco máis dun terzo dos fogares dispón de acceso á Internet, os puntos públicos de servizos da Sociedade da Información están chamados a xogar un papel moi relevante no curto e medio prazo.

Cómpre aclarar que a concepción baixo a que se pretende desenvolver a estratexia de puntos públicos responde á necesidade de dinamización, impulso e titorización da Sociedade da Información naqueles colectivos, aínda amplos, onde as TIC non teñen calado ou fixérono nun grao moi baixo.

Trátase, pois, de superar o concepto tradicional de puntos públicos de acceso e evolucionar ao xa indicado de puntos de servizo, onde a especialización de actividades e a segmentación de colectivos destinatarios, xunto coa cooperación e o traballo en rede, sirvan para que todos os cidadáns e empresas, traballadores e empresarios, mozos e maiores sexan partícipes activos na Sociedade da Información.

En último lugar, son tamén demandas constatadas as ligadas a infraestruturas e servizos básicos para o desenvolvemento da actividade empresarial, nun contexto onde reiteradamente se pon de manifesto o impacto que na competitividade das compañías ten a adopción efectiva das TIC.

Por unha banda, as empresas tecnolóxicas presentan necesidades de espazos axeitados para a súa implantación, espazos que poden xogar un papel relevante na atracción de investimentos neste eido e na configuración de aglomeracións empresarias xeradoras de innovación, cooperación e sinerxías.

Por outra, os parques, polígonos e centros empresariais en xeral constitúen puntos agregados de demanda de servizos TIC; son, polo tanto, lugares axeitados para implantar instrumentos facilitadores do achegamento das empresas á Sociedade da Información, no máis amplo sentido do termo.

En definitiva, as seguintes páxinas desenvolven operativamente esta estratexia de infraestruturas para a Sociedade da Información, estratexia deseñada co fin claro de minimizar, cando non eliminar, as eivas de acceso ás redes e servizos básicos. Pero a estratexia tamén está concibida desde a perspectiva de que son os servizos que se van prestar con base nesas infraestruturas os decisivos para que ese achegamento efectivo de todos á Sociedade da Información chegue a ser unha realidade.

 

Indicadores

Engloban os indicadores de cada unha das liñas de actuación.

 

Orzamento

Estimación orzamentaria da Xunta de Galicia: 98.056.000 €
Estimación aporte doutras Administracións: 24.414.000 €
Total: 122.470.000 €

 


O PEGSI agrupa as medidas a tomar en 8 estratexias operativas, cada unha referida a un eido de actuación. Así, o descritivo INF fai referencia a "Infraestruturas para a Sociedade da Información", IeCA a "Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto", CeS a "Contidos e servizos", TIC a "Desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información", EMPR a "Aplicación das TIC polo tecido empresarial", PUB a "Servizos públicos de calidade", INCL a "Inclusión e sostibilidade" e INSTR a "Instrumentos para a xestión das políticas públicas da Sociedade da Información".

Á súa vez, cada estratexia integra varias liñas de actuación, identificadas polo descritor LA e un número, por exemplo CES-LA2.

Por último, cada liña de actuación pode ter varias iniciativas, que levan o seu propio descritor I máis un número. Así fórmase, por exemplo CES-LA2-I3.

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia