Plano estratéxico > 1 - Marco estratéxico > Obxectivos estratéxicos
Desde o ano 2000, a Estratexia de Lisboa constitúe un referente na elaboración e execución das políticas económicas e de desenvolvemento da Unión Europea, nos seus estados membros e nas rexións que a integran. Baixo a consigna "crecemento e emprego", o seu claro ánimo é acadar máis e mellores traballos nunha Europa máis dinámica, innovadora e atractiva.
Na revisión de medio prazo elaborada no ano 2005, a Comisión Europea establece inequivocamente a devandita necesidade de centrar as políticas no crecemento e no emprego, para o cal é necesario asegurar que Europa sexa un lugar atractivo para investir e traballar, que o coñecemento e a innovación constitúan o motor do crecemento e que as políticas sexan definidas de xeito que se lles facilite ás empresas a creación de máis e mellor emprego.
Neste contexto, xorde "i2010 (Unha Sociedade da Información para o crecemento e o emprego)", que supón o marco de referencia actual para o desenvolvemento de políticas da Sociedade da Información na Unión. Como tal, i2010 é un conxunto de políticas chave na renovada Estratexia de Lisboa, pois promovendo unha economía dixital aberta e competitiva e facendo fincapé nas TIC en tanto que impulsoras da inclusión e a calidade de vida.
Os anteditos elementos configuran o referente da Unión Europea en Sociedade da Información, cun horizonte temporal até 2010. Ábrese, ademais, un novo período de fondos comunitarios para os anos 2007-2013, nos que Galiza recibirá, como rexión obxectivo de converxencia, por riba dos 3.600 millóns de euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e do Fondo Social Europeo (FSE).
A importancia deste novo período de fondos comunitarios fai que a Xunta de Galicia, co propósito de xestionar de maneira óptima estes recursos, teña elaborado un instrumento de planificación a medio e longo prazo, o Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galiza 2007-2013 (MECEGA), que ten por fin último e global a converxencia da economía galega en termos de crecemento e emprego, grazas ao fomento dunha economía baseada no coñecemento.
O MECEGA define catro obxectivos principais, dous dos cales son:
As TIC representan un poderoso axente no desenvolvemento económico, na produtividade e no emprego. Así, o investimento e a innovación en TIC achegaron o 40% do crecemento da produtividade das empresas europeas no período 2000-2005; o sector empresarial da Sociedade da Información contribúe coa cuarta parte do crecemento do PIB da Unión; as vendas relacionadas coas TIC supuxeron o 8,5% do total das vendas empresariais en Europa en 2004. Son unicamente tres datos que ilustran como as políticas de Sociedade da Información están chamadas a xogar un papel chave no conxunto de políticas públicas dos próximos anos, canto máis no noso país, que afronta un esixente reto de converxencia.
Con todo, é un reto factible porque os pasos dados no pasado recente xa se reflicten en indicadores esenciais e subliñan as boas perspectivas. O PIB per cápita galego era no ano 2005 dun 81% da referencia estatal, tras cinco anos de suave converxencia; o último dato de renda dispoñible bruta dos fogares per cápita é do 87% do valor de España; a taxa de actividade é do 62%, mentres que para o conxunto do Estado é do 69%; o investimento en I+D+i é do 0,86% do PIB, cando en España é do 1,07% e na Unión Europea sitúase no contorno do 2%; en fin, a taxa de produtividade por hora traballada en España é un 16% inferior á da media da UE. Pero reto factible, porque os pasos dados no pasado recente xa se reflicten en indicadores esenciais e subliñan as boas perspectivas: a taxa de creación de emprego no segmento das actividades informáticas é do 11,93%, practicamente o dobre da estatal; o índice de produción industrial galego, cun 8,2%, non só supera a media estatal senón que é o máis alto de España; a taxa de paro continúa descendendo, situándose nun 7,28%, a porcentaxe máis baixa desde 1982 e por baixo do 8,15% estatal: o crecemento do emprego en Galiza é superior ao do Estado por primeira vez en dez anos.
Pero estes datos, analizados en termos de futuro, amosan o potencial de desenvolvemento no marco da economía do coñecemento. A actividade empresarial da Sociedade da Información supón uns 8.000 postos de traballo en Galiza, o que supón un 0,7% da poboación ocupada; nun escenario de converxencia cara ao 1,1% de España, xeraríanse uns 4.000 postos cualificados de traballo adicionais. Do mesmo xeito, os servizos da Sociedade da Información en Galiza supoñen o 3,4% do PIB, cun amplo percorrido cara ás posicións sobranceiras no conxunto das comunidades autónomas; incrementar esta ratio nun punto suporía 400 millóns de euros adicionais de actividade económica, nun contexto actual no que Galiza vén medrando claramente por riba da media estatal. Cómpre, pois, aproveitar este pulo para converxer até os niveis de desenvolvemento da UE.
En definitiva, as claras directrices europeas cara ao crecemento e o emprego, o total aliñamento do marco estratéxico de converxencia económica de Galiza con estas liñas, o rol esencial que as políticas da Sociedade da Información están chamadas a xogar neste marco e o potencial de percorrido para a economía galega do coñecemento, fan que se deba enunciar un primeiro obxectivo estratéxico do PEGSI nos seguintes termos:
CRECEMENTO E EMPREGO
Apostar polo crecemento e o emprego, potenciando a aplicación das TIC como medio para construír unha economía galega competitiva, baseada no capital intelectual e no coñecemento.
Os parámetros máis comunmente usados para avaliar os niveis de desenvolvemento das rexións na Sociedade da Información sitúan a Galiza en postos atrasados entre as comunidades autónomas do Estado, aínda máis no conxunto de Europa. Tanto no uso do PC coma da Internet, a contratación de banda larga nos fogares ou a presenza web das empresas, Galiza atópase nos lugares que indican unha menor penetración.
Esta circunstancia responde, en gran medida, ás características sociais e territoriais do país, configuradoras dun escenario que dista bastante dos perfís usuarios das TIC. Isto non quere dicir que non se deba acometer un esforzo para inverter esta situación; antes ao contrario, esta debilidade estrutural obriga a traballar e deseñar prioritariamente medidas que a compensen para acadar os obxectivos de crecemento e emprego.
Pero, sendo este obxectivo prioritario, Galiza non pode enfocar o seu desenvolvemento a medio prazo na Sociedade da Información unicamente como usuaria das TIC e dos servizos que delas emanan. O futuro pasa, necesariamente, porque Galiza participe activamente na construción da Sociedade da Información, a través do desenvolvemento tecnolóxico e da innovación nos servizos e contidos.
Reforzando o anterior, no seu informe de abril de 2006, o Grupo de Alto Nivel para o i2010 salienta dous factores altamente significativos, "cruciais" se se empregan os termos literais do documento: por unha banda, a cualificación tecnolóxica dos traballadores, tanto para a industria da Sociedade da Información como para a economía no seu conxunto; por outra, a estimulación da investigación e a innovación no sector TIC, que contribuirá ao seu propio fortalecemento e ao crecemento da produtividade dos axentes económicos a través do cambio tecnolóxico.
O escenario dos mercados de bens e servizos tecnolóxicos responde a un contorno rapidamente cambiante, en permanente evolución tecnolóxica, cunha demanda que non resulta doado proxectar no tempo nin anticipar: o exemplo paradigmático é o dos SMS na telefonía móbil, cun peso crecente na facturación dos operadores e que ten creado unha industria específica á súa beira. Neste contorno, a anticipación, a innovación e a axilidade son factores que contan para atopar espazos e nichos de negocio, incluso sen dispoñer dunha gran capacidade financeira ou de presenza previa no mercado. É no devandito escenario no que Galiza, aínda sen ser a día de hoxe un actor decisivo, pode atopar os espazos de liderado que lle dean percorrido á empresa das TIC e dos contidos converxentes.
Nesta liña avanza tamén o MECEGA que, como xa se indicou, pretende incrementar a competitividade do tecido produtivo galego a través do coñecemento e a innovación, ao incorporar entre os seus eixes prioritarios a innovación empresarial, o aumento do capital humano e a adaptabilidade de traballadores e empresas.
Neste mesmo aspecto incide o Plano galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica (PGIDIT) 2006-2010. Ademais de encadrar as TIC no conxunto das tecnoloxías críticas transversais, define un programa de innovación empresarial co fin de poñer en valor o coñecemento, de estimular "a innovación nas organizacións en calquera punto da cadea de valor", elaborando ferramentas de desenvolvemento de produtos e creación de contornos de cooperación. O PGIDIT deséñase cun horizonte de alcanzar un esforzo económico en I+D+i equivalente ao 1,5% do PIB, cunha achega do sector privado do 50% desta cantidade.
En consecuencia, o PEGSI recolle e impulsa esta vocación de liderado e posta en valor, sobre todo naquelas áreas de maior impacto no cidadán como xa ocorre co da saúde pero tamén noutros coma o ensino ou os servizos sociais, enunciando como obxectivo estratéxico o seguinte:
LIDERADO
Identificar e pór en valor liderados efectivos en Galiza a respecto da Sociedade da Información para definir, desenvolver e consolidar actividades innovadoras de carácter participativo no desenvolvemento tecnolóxico.
É un argumento xa manido o da fenda dixital, pero non por manido deixa de ser certo. Os datos do diagnóstico non deixan lugar a dúbidas: o uso de Internet nos mozos é dez veces superior ao dos maiores; o dos licenciados cuadriplica o dos que teñen estudos primarios, igual ca o das familias con máis ingresos en relación coas que menos gañan; estas diferenzas son de vinte puntos porcentuais tamén por cuestión de xénero ou de residencia no urbano ou no rural.
As perspectivas a medio prazo non apuntan a unha mellora se non se intervén con enerxía: as maiores bolsas de descoñecemento e falta de destreza no manexo das TIC céntranse precisamente nos colectivos máis desfavorecidos, que son os que amosan menor nivel de acceso a accións formativas e divulgativas.
Desde unha perspectiva territorial, as distancias de desenvolvemento económico entre o eixo A Coruña-Vigo e o resto do país reflíctense no espello das TIC, que non están a actuar como un elemento de cohesión.
Desde logo, o risco de ampliación da fenda, de que as TIC, lonxe de erosionar as diferenzas, as potencien, non é exclusivo de Galiza. A preocupación por este feito maniféstase con moita claridade en i2010, que avoga polo logro dunha "sociedade europea da información baseada na inclusión", que fomente o crecemento e o emprego dun xeito coherente co desenvolvemento sostible e que lle dá prioridade á mellora dos servizos públicos e da calidade de vida.
No recente cumio de Riga sobre e-inclusión, ademais de se marcaren obxectivos moi concretos de cohesión cara ao 2010, estableceuse a necesidade social de que todos os cidadáns participen de igual xeito na Sociedade da Información, o que ademais supón unha inmensa oportunidade de desenvolvemento económico.
Este reforzo da cohesión social, económica e territorial está tamén presente no marco de converxencia económica, que identifica como obxectivo principal aumentar a cohesión social e territorial de Galiza, de xeito que se melloren os niveis de cualificación, a calidade do emprego e a inclusión social.
A preocupación da Xunta pola cohesión territorial vai máis aló, e culmina no Plano de reequilibrio territorial, dirixido ás áreas de Galiza con menor crecemento económico, menores niveis de renda e menor nivel de benestar. En grandes cifras, isto supón actuar sobre aproximadamente o 90% do territorio do país e o 38% da poboación.
Neste contexto, é clara a necesidade de que as políticas de Sociedade da Información concilien os obxectivos de crecemento cos de cohesión e os de igualdade; que garantan que os produtos e servizos da Sociedade da Información sexan accesibles igualitariamente, ao minimizar as barreiras económicas, sociais e territoriais. Por iso, o PEGSI define como obxectivo estratéxico:
COHESIÓN SOCIAL E TERRITORIAL
Vertebrar territorial e socialmente Galiza a través da creación de condicións de acceso igualitario ás oportunidades derivadas da Sociedade da Información.
Hai espazo en Internet e nas plataformas converxentes de contidos para a cultura galega? Pode a nosa lingua persistir, e aínda saír reforzada, nun contorno con clara predominancia anglosaxona? Pode o mercado do país garantir a viabilidade de proxectos económicos ligados á produción de contidos galegos e en galego? A resposta a estas cuestións non é doada. Pero sexa cal sexa a día de hoxe, a Xunta de Galicia debe poñer todo o esforzo necesario para que no medio prazo sexa afirmativa.
A cuestión do tratamento da diversidade lingüística na Sociedade da Información non é nova. Xa desde eEurope 2005 a Unión Europea fixo manifesta a súa pretensión de manter a riqueza lingüística e cultural do continente, de desenvolver accións "para que calquera poida acceder aos servizos na súa propia lingua", de preservar, en fin, a diversidade cultural da Unión.
E realmente existe unha demanda de contidos na lingua propia: tres de cada catro galegos pensan que a presenza de contidos na nosa lingua é baixa ou moi baixa; para máis da metade son importantes ou moi importantes os contidos en galego para elixiren os seus medios de comunicación en Internet. Do mesmo xeito, os contidos de carácter local e rexional van atopando os seus espazos nos medios audiovisuais, con cotas de audiencia en alza, o que permite anticipar a súa relevancia cando a converxencia sexa unha realidade plena.
Por outra banda, a Sociedade da Información impón unha concepción dos contidos que contemple as perspectivas locais e globais, que obriga ao editor, ao produtor, ao xornalista a considerar que o que escriba, o que filme, o que programe será potencialmente empregado por usuarios de todo o mundo, de todas as comunidades lingüísticas. Para Galiza, a chave atópase no equilibrio, en fomentar os contidos en galego nun contorno multilingüe, que espalle a nosa cultura no mundo; en procurar a proxección exterior como vía de expansión, sen esquecer a demanda de contidos desde o local.
Baixo esta visión, pode chegar a ser unha realidade o mantemento, e por que non o reforzo, da identidade galega, non só lingüística senón cultural, no seu contexto máis amplo. Este reforzo deberá sustentarse necesariamente no valioso activo que supón o acervo cultural galego, o seu patrimonio artístico, histórico e natural, cunha proxección que o fai perfectamente recoñecible no exterior.
Finalmente, debe engadirse que este razoamento se enxerga coa realidade recoñecida de que son os contidos e os servizos, ou máis concretamente a utilidade percibida polos usuarios destes, os que deberán liderar a definitiva incorporación de persoas e organizacións á Sociedade da Información. O feito de que a falla de interese, a percepción de escasa utilidade ou beneficio se sitúen recorrentemente como as principais barreiras para o emprego dos servizos da Sociedade da Información -o 47% dos galegos non usuarios de Internet non ten interese en selo- fala claro sobre o anterior.
Por tanto, o cuarto obxectivo estratéxico do PEGSI formúlase do seguinte xeito:
IDENTIDADE CULTURAL
Aproveitar as TIC como vehículo que garanta a presenza da identidade cultural galega na sociedade da información, conformando unha oferta de servizos e contidos nas plataformas converxentes que impulsen os niveis de uso.
O PEGSI agrupa as medidas a tomar en 8 estratexias operativas, cada unha referida a un eido de actuación. Así, o descritivo INF fai referencia a "Infraestruturas para a Sociedade da Información", IeCA a "Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto", CeS a "Contidos e servizos", TIC a "Desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información", EMPR a "Aplicación das TIC polo tecido empresarial", PUB a "Servizos públicos de calidade", INCL a "Inclusión e sostibilidade" e INSTR a "Instrumentos para a xestión das políticas públicas da Sociedade da Información".
Á súa vez, cada estratexia integra varias liñas de actuación, identificadas polo descritor LA e un número, por exemplo CES-LA2.
Por último, cada liña de actuación pode ter varias iniciativas, que levan o seu propio descritor I máis un número. Así fórmase, por exemplo CES-LA2-I3.