Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

Plano estratéxico > 1 - Marco estratéxico > Estratexias operativas




Estratexias operativas

A misión e os obxectivos estratéxicos así definidos dan lugar a unha estrutura de oito estratexias operativas, que conforman o corpus do PEGSI, segundo o seguinte esquema:

Figura 1: Estratexias do PEGSI

As estratexias operativas agrúpanse en tres categorías segundo sexa o seu ámbito de actuación:

  • As estratexias transversais interveñen sobre factores presentes en todos os campos de influencia do PEGSI, desde os estruturais até os máis orientados ás aplicacións, contidos e servizos, isto é, os aspectos que máis facilmente perciben os usuarios como Sociedade da Información.
  • As estratexias sectoriais están dirixidas especificamente aos catro colectivos nos que se ten segmentado a Sociedade da Información en Galiza -empresas do sector TIC, tecido empresarial e produtivo, sector público e cidadanía e sociedade en xeral- co gallo de implementar medidas máis orientadas ás necesidades e características de cada un, e polo tanto máis efectivas.
  • Por último, as estratexias instrumentais desenvolven, como o seu propio nome indica, as medidas encamiñadas a dotar á Xunta de Galicia dos instrumentos que aseguren o axeitado desenvolvemento das políticas de Sociedade da Información en xeral e do PEGSI en particular e, polo tanto, o cumprimento dos seus obxectivos.

Tres son as estratexias transversais que comprende o PEGSI:

  • Infraestruturas para a Sociedade da Información (descritivo INF). Desenvolve a súa actuación no despregamento de infraestruturas -principalmente pero non só de telecomunicacións- desde unha orientación moi clara de instrumento para a prestación dun servizo, xa que logo dotando as iniciativas dunha compoñente de aplicación final e de achegamento ao usuario con menos posibilidades de acceso.
  • Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto (IeCA). A capacidade real de xerar un contorno de comunicación efectiva entre todos os axentes pasa pola creación dunha cultura aliñada con este obxectivo e pola construción dos soportes tecnolóxicos conforme a conceptos de apertura e interoperabilidade. Esta estratexia incide en ambas as dúas compoñentes, e tamén en todo o relativo á seguridade nos servizos da Sociedade da Información.
  • Contidos e servizos (CeS). O PEGSI considera os contidos e servizos como a chave do desenvolvemento e evolución da Sociedade da Información, por seren a realidade que se lles manifesta aos usuarios e, polo tanto, os que teñen a capacidade de modular e impulsar a introdución destes na Sociedade da Información. Así mesmo, serán esenciais na situación a medio e longo prazo da lingua e cultura galegas, tanto no propio país como na súa relevancia no exterior. Polo tanto, o impulso á produción, coidando os valores formativos, culturais e sociais é mester nun plano desta natureza.

As estratexias sectoriais do PEGSI formúlanse do seguinte xeito:

  • Desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información (TIC). Atopar os espazos de liderado manifestados como obxectivo estratéxico do PEGSI pasa por apoiar ao máximo o desenvolvemento deste tecido de actividade, para solucionar as debilidades que amose e potenciar as fortalezas e oportunidades identificadas. Esta estratexia operativa implementa as liñas de actuación necesarias para facer este apoio efectivo, a través da innovación, da iniciativa emprendedora, do artellamento de vías de cooperación e especialización, da exploración de novos modelos de negocio ou da cualificación dos profesionais galegos.
  • Aplicación das TIC polo tecido empresarial (EMPR). A competitividade das empresas pasa, necesariamente, por adecuar plenamente o seu xeito de facer negocio aos novos usos que determina a Sociedade da Información: isto supón non só incorporar tecnoloxía, senón en moitos casos reformular os modelos e procesos de negocio. O impulso deste proceso de transformación nas empresas galegas, e particularmente nas PEME e MICROPEME, sitúase na base desta estratexia operativa.
  • Servizos públicos de calidade (PUB). O sector público desempeña un papel absolutamente esencial no modelo social de Galiza, xa que fai posible que todos os galegos gocen dun elevado nivel de benestar, accedan a servizos básicos como o ensino e a sanidade ou gocen das necesarias prestacións sociais. A resposta ás cada vez maiores esixencias cara aos servizos públicos a través da aplicación das TIC na súa prestación -achegamento, mellora da calidade- é o fío condutor das iniciativas que integran esta estratexia operativa.
  • Inclusión e sostibilidade (INCL). O desenvolvemento da Sociedade da Información debe ser sostible no longo prazo e, á vez, contribuír á sostibilidade do contorno. Sostibilidade significa inclusión, cohesión, calidade de vida e coidado do medio natural e do territorio en xeral. Por isto, esta cuarta estratexia operativa sectorial céntrase en aspectos sociais, de inclusión e cohesión, na vertebración territorial do medio rural e nos aspectos ambientais.

Finalmente, o PEGSI inclúe unha oitava estratexia instrumental:

  • Instrumentos para a xestión das políticas públicas da Sociedade da Información (INSTR). A adecuada xestión das políticas públicas de Sociedade da Información que se expresan neste PEGSI e, polo tanto o cumprimento dos seus obxectivos, require necesariamente que a Xunta de Galicia se dote da capacidade orgánica, instrumental e operativa para desenvolver as actuacións previstas coa dedicación, coordinación e efectividade que son mester. Esta estratexia instrumental determina as liñas de actuación deseñadas para atanguer o dito propósito.

A definición destas oito estratexias operativas é coherente cos obxectivos estratéxicos trazados no epígrafe anterior, xa que fan fincapé de xeito homoxéneo nas devanditas catro metas principais do PEGSI.

Loxicamente, nun contorno tan complexo como o da Sociedade da Información, onde as interconexións entre axentes, ámbitos de actuación, ofertas e demandas son tan fortes, resulta imposible establecer correlacións perfectamente demarcadas. Pero se se considera a intensidade coa que as estratexias operativas inciden nos obxectivos estratéxicos, o que se trata de reflectir na Figura 2, apréciase a referida homoxeneidade.

Figura 2: Intensidade das estratexias operativas nos obxectivos dos PEGIS

O obxectivo de crecemento e emprego vese apoiado moi directamente polas estratexias operativas destinadas aos segmentos empresariais, tanto a específica do sector da Sociedade da Información como a destinada á incorporación das TIC aos procesos de negocio do tecido produtivo. Ademais, determinadas iniciativas no ámbito das infraestruturas van tamén orientadas á mellora da competitividade empresarial.

Pola súa banda, o liderado na Sociedade da Información a través da participación activa no desenvolvemento tecnolóxico é un obxectivo que se canaliza operativamente, como é lóxico, a través da estratexia sectorial orientada ao conglomerado empresarial das TIC. De xeito indirecto pero intenso, o impulso á incorporación destas tecnoloxías aos servizos públicos e ao desenvolvemento de contidos e servizos innovadores debe ser un factor de palanca moi subliñable.

En terceiro lugar, o obxectivo de cohesión social e territorial está presente na maior parte das estratexias operativas. Non obstante, o despregamento de infraestruturas da Sociedade da Información polo territorio e as políticas específicas de inclusión - que inclúen a eliminación das fendas sociais e o desenvolvemento rural - cobran un maior protagonismo, xunto co elemento integrador que supón o achegamento duns servizos públicos para todos.

Finalmente, a identidade cultural é procurada a través do desenvolvemento de contidos e servizos nas plataformas converxentes cunha importante presenza da lingua e cultura galegas. Do mesmo xeito, a forte aposta pola difusión de contidos públicos -loxicamente de temática galega- e pola adopción de ferramentas e estándares que favorecen a maior participación social e do tecido galego na creación de contidos e servizos deberá ter un impacto relevante no obxectivo pretendido.

Os restantes capítulos do documento sintetizan o corpus operativo do PEGSI: cada un correspóndese cunha das oito estratexias que compoñen o plano.

Á súa vez, cada estratexia integra un conxunto de liñas de actuación (referidas mediante o descritivo da estratexia seguido de LA e un número secuencial, por exemplo INF-LA1). O despregamento operativo remata co nivel de iniciativa; cada liña de actuación contén varias, que son referidas engadindo ao descritivo desta o descritivo "I" e un número secuencial (por exemplo, INF-LA1-I2).


O PEGSI agrupa as medidas a tomar en 8 estratexias operativas, cada unha referida a un eido de actuación. Así, o descritivo INF fai referencia a "Infraestruturas para a Sociedade da Información", IeCA a "Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto", CeS a "Contidos e servizos", TIC a "Desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información", EMPR a "Aplicación das TIC polo tecido empresarial", PUB a "Servizos públicos de calidade", INCL a "Inclusión e sostibilidade" e INSTR a "Instrumentos para a xestión das políticas públicas da Sociedade da Información".

Á súa vez, cada estratexia integra varias liñas de actuación, identificadas polo descritor LA e un número, por exemplo CES-LA2.

Por último, cada liña de actuación pode ter varias iniciativas, que levan o seu propio descritor I máis un número. Así fórmase, por exemplo CES-LA2-I3.

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia