Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

Plano estratéxico > 1 - Marco estratéxico




1 - Marco estratéxico

A misión do Plano estratéxico galego da Sociedade da Información (PEGSI) 2007-2010 céntrase en contribuír activamente ao desenvolvemento sustentable de Galiza de maneira que se garanta de forma real a compatibilidade entre crecemento económico con creación de emprego de calidade, maiores niveis de progreso e cohesión social no conxunto da cidadanía galega e preservación do medio ambiental, cultural e lingüístico propio.

O PEGSI 2007-2010 xorde para promover avances técnicos e culturais que sitúen a Galiza como un país plenamente inserido na Sociedade da Información e para contribuír á xeración dunha economía do coñecemento que sirva de base para o progreso económico e social cara a uns maiores niveis de benestar para a totalidade da poboación galega.

O PEGSI quere promover a aplicación xeral das TIC nos ámbitos produtivos, sociais e dos servizos públicos para acadar os seguintes propósitos estratéxicos:

  • Xeración e desenvolvemento dunha economía dinámica e competitiva baseada no capital intelectual e no coñecemento para o cal se procurarán os espazos acaídos para a mellora da competitividade por medio do fomento da innovación mediante o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións
  • A ruptura das fendas sociais e territoriais a través da creación dun escenario de igualdade de oportunidades na Sociedade da Información
  • A potenciación da identidade cultural galega, sobre todo aqueles aspectos referidos á preservación da lingua galega e do noso legado patrimonial

O PEGSI agrupa as medidas a tomar en 8 estratexias operativas, cada unha referida a un eido de actuación. Así, o descritivo INF fai referencia a "Infraestruturas para a Sociedade da Información", IeCA a "Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto", CeS a "Contidos e servizos", TIC a "Desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información", EMPR a "Aplicación das TIC polo tecido empresarial", PUB a "Servizos públicos de calidade", INCL a "Inclusión e sostibilidade" e INSTR a "Instrumentos para a xestión das políticas públicas da Sociedade da Información".

Á súa vez, cada estratexia integra varias liñas de actuación, identificadas polo descritor LA e un número, por exemplo CES-LA2.

Por último, cada liña de actuación pode ter varias iniciativas, que levan o seu propio descritor I máis un número. Así fórmase, por exemplo CES-LA2-I3.

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia