Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

Estratexias operativas

Este apartado constitúe o punto culminante do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) 2007-2010. Nel defínense unha serie de estratexias operativas a desenvolver polos diferentes organismos da administración en Galicia. Cada estratexia operativa consta de obxectivos específicos, estimación orzamentaria e indicadores para controlar o seu grado de cumprimento.

Ademais, este documento especifica que administracións e outros actores son os responsables da posta en marcha de cada estratexia operativa. O obxectivo é organizar a actividade pública para, a través das novas tecnoloxías, garantir o crecemento económico de Galiza. A creación de emprego de calidade, a cohesión social e preservación medio ambiental, cultural e lingüística do país son outras das finalidades das liñas de actuación do PEGSI.

O PEGSI completo pode descargarse para a súa consulta neste arquivo, en formato pdf. Tamén está dispoñíbel un resumo no mesmo formato.


O PEGSI agrupa as medidas a tomar en 8 estratexias operativas, cada unha referida a un eido de actuación. Así, o descritivo INF fai referencia a "Infraestruturas para a Sociedade da Información", IeCA a "Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto", CeS a "Contidos e servizos", TIC a "Desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información", EMPR a "Aplicación das TIC polo tecido empresarial", PUB a "Servizos públicos de calidade", INCL a "Inclusión e sostibilidade" e INSTR a "Instrumentos para a xestión das políticas públicas da Sociedade da Información".

Á súa vez, cada estratexia integra varias liñas de actuación, identificadas polo descritor LA e un número, por exemplo CES-LA2.

Por último, cada liña de actuación pode ter varias iniciativas, que levan o seu propio descritor I máis un número. Así fórmase, por exemplo CES-LA2-I3.

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia