UN INVESTIMENTO DE 8,34 MILLÓNS ATA O ANO 2010
Este plan é o primeiro paso na planificación estratéxica global no ámbito tecnolóxico da Xunta de Galicia. Entre os seus obxectivos están definir o modelo de e-goberno da Comunidade, a aplicación efectiva das novas tecnoloxías na Administración de xustiza e a configuración dun Plan director de telecomunicacións.
O plan executarase entre os anos 2009 e 2010 e inclúe actuacións orientadas a dar resposta tanto ás demandas da poboación como aos imperativos legais do novo contexto dixital. Identifica seis eixes prioritarios de actuación en liña cos obxectivos estratéxicos da Xunta de Galicia e desenvolverase de xeito inmediato. Así, neste mes de xullo iniciarase o procedemento de licitación pública.
Os seis proxectos estratéxicos refírense ao modelo de e-goberno de Galicia, os servizos multicanle e as plataformas de colaboración, o Plan de sistemas de Xustiza, o sistema de información e xestión de persoal da Administración autonómica, a consolidación dunha plataforma corporativa de sistemas e continuidade de servizo e, finalmente, o Plan director de telecomunicacións de Galicia.
Con este Plan de Medidas Urxentes o Goberno galego traza a folla de ruta no ámbito tecnolóxico para os anos 2009-2010, dando resposta ás carencias máis urxentes no ámbito TIC da Xunta de Galicia. Paralelamente á súa execución, levarase a cabo a elaboración do Plan estratéxico global, que será o instrumento fundamental para orientar a política tecnolóxica da Xunta de Galicia nos vindeiros anos.