AS INICIATIVAS GALEGAS FORON PROMOVIDAS A TRAVÉS DOS CENTROS DE DINAMIZACIÓN DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN
O certame está organizado pola fundación Fundetec para recoñecer o esforzo dos axentes sociais que desenvolven iniciativas orixinais que fomentan a inclusión das persoas maiores na Sociedade da Información, así como a predisposición dos propios maiores, que se animan a participar nestas actividades coa ilusión de aprender algo novo e perder o medo ás novas tecnoloxías.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia colabora de forma activa no proxecto, ao adherirse ao mesmo, no marco da Estratexia Galega para a Sociedade da Información, co obxectivo de incentivar a participación no concurso nesta Comunidade Autónoma.
O resultado é que Galicia foi a segunda comunidade autónoma máis activa desta segunda convocatoria do certame: das 88 candidaturas presentadas, 16 son galegas, e foron promovidas a través da rede de Centros de Dinamización da Sociedade da Información. En total, máis de 260 maiores galegos están adquirindo novas habilidades no uso de Internet e do ordenador grazas a estas accións.
Os tres proxectos seleccionados foron:
As herbas medicinais en Allariz: unha historia de recuperación e empoderamento feminina, do Concello de Allariz. Nesta iniciativa participaron 150 mulleres de contornos rurais que recompilaron os usos e tradicións das diferentes herbas medicinais da zona, realizando fotografías das mesmas e colgando toda esta información nun blog. Deste xeito, estes coñecementos transmitiranse ás xeracións futuras a través das novas tecnoloxías.
Memoria de Muller de Ribadeo, do Centro de Dinamización de Ribadeo. O proxecto ‘Memoria de Muller’ desenvolveuse en diferentes centros de dinamización co obxectivo de recuperar a memoria histórica da muller galega e transportar os seus recordos cara o futuro. No caso de Ribadeo, participaron cinco mulleres que gravaron sendos vídeos nos que cada unha relata aspectos personais, sociais e culturais da súa vida, mesturados con imaxes e música.
Bergantiños: pasado e presente, do Centro de Dinamización de Carballo. Mediante esta iniciativa, un grupo de maiores plasmaron nun blog as súas vivencias, recordos e tradicións relacionadas coa súa terra, publicando os seus textos e as súas fotografías para poñelas a disposición de calquera persoa que queira coñecer mellor a historia da comarca de Bergantiños.
Ademais de recibir como premio un trofeo tecnolóxico, estas tres iniciativas pasarán á final nacional, xunto coas mellores iniciativas do resto das comunidades autónomas participantes, e poderán optar ao Premio do II Concurso Nacional Mayores cON Iniciativa 2009, que se resolverá 25 de febreiro en Madrid.