Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

33 ENCONTRO INTERNACIONAL DA ICANN

PuntoGal defende no Cairo a candidatura galega a un dominio na internet

03/11/2008 - 

Representantes da Asociación PuntoGal atópanse esta semana na cidade exipcia de Cairo para participar no 33º encontro internacional da ICANN, corporación que regula o funcionamento dos dominios na internet. PuntoGal achegará a súa opinión e volverá a traballar a prol de que se autorice o dominio .gal para a lingua e cultura galegas.

Até o 7 de novembro debaterase, entre outras cousas, sobre os novos dominios xenéricos, o funcionamento interno da organización ou as garantías de propiedade intelectual. A ICANN dará a coñecer o borrador de requirimentos precisos para solicitar novos dominios, como o .gal, e estará aberta ás propostas dos arredor de mil participantes.

En principio, prevese que poderán optar a dominios xenéricos as organizacións que demostren a súa capacidade tanto operativa como financeira para levar a cabo a operación de rexistro, garantindo a seguridade, estabilidade e operatividade do proceso. Ademais, haberá que aboar unha taxa de solicitude, que se estima duns 185 mil dólares, aínda que a proposta final podería variar.

No caso de comunidades definidas, como é o caso da galega, a organización terá que demostrar fortes vencellos coa comunidade á que representa. A asociación PuntoGal está a traballar intensamente en cumprir cos requisitos. Durante a semana do encontro, entregaralles información aos asistentes sobre a iniciativa do dominio galego e intercambiará opinións cos candidatos doutras iniciativas lingüísticas e culturais.

Voltar

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia