POR UN DOMINIO PARA A LINGUA E CULTURA GALEGAS
PuntoGal espera que durante esta xuntanza se anuncie o calendario definitivo para a apertura de solicitude de novos dominios, entre os que estaría o .gal para a cultura e a lingua galegas. Na anterior edición do encontro internacional, que tivo lugar en Los Angeles, déronse unhas datas provisionais, cunha primeira quenda de solicitudes no verán de 2008 e a publicación dos novos dominios aceptados a comezos de 2009.
A Icann insiste en todos os informes en que é fundamental para ter éxito no proceso que a petición sexa unánime, respaldada pola comunidade no seu conxunto, e que os informes presentados sexan impecábeis nos aspectos técnico, económico e de xustificación. PuntoGal fará unha campaña informativa entre os asistentes sobre a proposta do dominio para a cultura e a lingua galegas na rede.