Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

NO DIARIO OFICIAL DE GALICIA

Publícanse os gañadores dos premios a recursos educativos para a sociedade da información

19/12/2008 - 

O Diario Oficial de Galicia deste venres publica a resolución dos premios a recursos educativos para a sociedade da información convocada polas Consellarías de Educación e de Innovación e Industria. Estes galardóns están destinados ao profesorado de centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos.

Na modalidade A, de ferramentas de autor, resultou galardoado o traballo "Imaxes interactivas", coordinado por José Vicente Rodríguez, que recibirá os seis mil euros correspondentes ao primeiro premio. O segundo e o terceiro desta categoría foron declarados desertos.

A modalidade B, de materiais curriculares web e encerados dixitais, tivo como primeiro premiado o traballo "Viaxe ás estrelas", con 6.000 euros; o segundo, de 4.000, foi para o "Curso I.A.I", mentres que os terceiros premios, dotados con 3.000 euros cada un, leváronos "Recursos educativos para encerado dixital", "Pintores que molan" e "O blog de tecnoloxía: cara a un modelo colaborativo".

Os premios para galerías de imaxes e vídeos didácticos, a modalidade C, foron para "Guías varias: uso de vídeo na educación viaria", que recibirá o primeiro, dotado con tres mil euros; "Olladas sobre Ramón Piñeiro", segundo premio, 2.000 euros, e os terceiros, de mil euros cada un, para "Obradoiro de tecnoloxía" e "Xesús María Álvarez Vázquez: un erudito completo".

A modalidade D, de aplicacións de software libre, tivo como gañadores "Max web, unha interface web para o Programa Máxina", co primeiro premio, de 6.000 euros; "Bolsa de traballo no IES de Teis", segundo, de 4.000 euros, e "Dynpres", co terceiro premio, dotado con 3.000 euros.

Voltar

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia