FORO INTERNACIONAL SOBRE APLICACIÓN DAS TIC NO ENSINO
As actuacións postas en marcha pola Xunta de Galicia para achegar as novas tecnoloxías ao ensino enmárcanse nos obxectivos do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).
O Goberno estivo representado pola conselleira de Educación, que achegou datos concretos sobre as iniciativas públicas, como o feito de que dende o curso 2004 pasouse de 179 encerados dixitais a 1.465 a día de hoxe. Este tipo de dispositivos consisten nun computador multimedia e un videoproxector, que permite escribir no encerado cun bolígrafo dixital ou mesmo coas mans. É unha tecnoloxía que dá a posibilidade de manexar grandes cantidades de información dun xeito atractivo.
Os dispositivos facilitan o traballo dos docentes á hora de presentar os contidos e materiais da lección, grazas ás posibilidades que ofrece a internet, e a interactuar co alumnado, que tamén desenvolve o seu pensamento crítico.
Segundo os informes elaborados polos Centros de Formación e Recursos de Galiza, o 70% do profesorado está satisfeito con esta innovación educativa e asegura que o seu uso é un incentivo para o estudantado e garante o éxito para o futuro da escola.
A conferencia mundial vai ter lugar até o 14 de xaneiro e ten como tema central a aprendizaxe da nova xeración. Os participantes compartirán os seus coñecementos e ideas co obxectivo de acadar un conxunto de achegas globais en canto á utilización das novas tecnoloxías no ensino.
Na web do OGSI danse máis datos estatísticos sobre o uso das TIC no sector da educación en Galiza.