PROCESO DE IMPLANTACIÓN DA TDT EN GALICIA
Tras os apagados analóxicos que se produciron nas dúas últimas semanas (do 18 ao 21 de xaneiro e do 25 de xaneiro ata hoxe) xa son perto de 550.000 os galegos que teñen acceso único á televisión dixital terrestre.
Onte foi a última xornada desta semana na que se produciron ceses analóxicos. Tiveron lugar todos eles na área técnica de Meda e nos centros emisores de Escairón, Monforte de Lemos e O Barco. Afectaron, total ou parcialmente, a 4 concellos de Lugo –Bóveda, Monforte de Lemos, A Pobra de Brollón e O Saviñao- e 4 concellos de Ourense –o Barco de Valdeorras, Petín, A Rúa e Vilamartín de Valdeorras. Con eles, o apagamento analóxico chegou a 50.000 persoas máis.
Os ceses deste xoves producíronse con normalidade, rexistrando incidencias puntuais de recepción que provocaron que algunhas persoas tivesen dificultades para ver algunha canle de televisión. A Secretaría Xeral de Medios lembra que estas dificultades na recepción están sendo solucionadas polos técnicos de Retegal e das empresas instaladoras coa máxima celeridade.
Así, onte á mañá, técnicos especializados procederon a facer probas no concello ourensán de Baños de Molgas, onde onte se rexistraron problemas cun microreemisor de TDT. Tras a revisión, os técnicos confirmaron que o problema provén de desaxustes na parábola, incidencia que esperan ter arranxada nos vindeiros días.