PROCESO DE IMPLANTACIÓN DA TDT EN GALICIA
Así, onte producíronse os primeiros ceses analóxicos na área técnica de Meda, concretamente, nos centros de Celanova, A Bola, Bande, Bande II, Chantada, Chantada II, Allariz e Xinzo. Os apagados afectan, total ou parcialmente, a 18 concellos: Allariz, Baltar, Bande, Os Blancos, A Bola, Calvos de Randín, Celanova, Chantada, Muíños, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Verea, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía e a unha poboación de 51.600 habitantes.
A normalidade segue a ser a tónica dominante neste proceso de implantación da televisión dixital terrestre en Galicia que están a levar a cabo o Executivo autonómico, a través da súa Secretaría Xeral de Medios, e o Goberno central.
Ademais, informa a Xunta, as incidencias puntuais que se poden producir en determinados lugares están sendo solucionadas, coa máxima celeridade, polos técnicos de Retegal e das empresas instaladoras. Así mesmo, continúan manténdose contactos diarios cos alcaldes para analizar as distintas incidencias e coordinar solucións rápidas para as persoas que finalmente fican en zona sen cobertura.
Apagados na área técnica de Meda
Os de onte foron os primeiros ceses analóxicos que se produciron na área técnica de Meda. Os apagados nesta área continuarán ata o xoves, día 28 de xaneiro e afectarán a 41 concellos da provincia de Ourense e da zona sur da provincia de Lugo. Tras eles, arredor de 143.600 persoas destes municipios terán acceso único á televisión dixital terrestre.
Hoxe, mércores día 27, rexistraranse os apagados analóxicos nos centros de Cea, Maceda, Carballiño, Irixo, Maside, Ribadavia-Cenlle e Toén. Os apagados beneficiarán a 41.800 persoas de 15 concellos: Amoeiro, Baños de Molgas, Carballiño, Cenlle, O Irixo, Maceda, Maside, Montederramo, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea, Toén, Vilamarín e Vilar de Barrio.