Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

COMUNIDADE VIRTUAL

'Fillos de Galicia' chega aos seis mil usuarios

19/08/2008 - 

Se se compara coas cifras de afiliados aos centros tradicionais, esta especie de "casa de Galicia virtual", que leva once anos na rede, estaría entre as 8 maiores do mundo, constituíndo en calquera caso" a meirande comunidade galega online".

Fillos de Galicia

Nunha tendencia inversa á dos centros galegos tradicionais, este colectivo non para de recibir novos membros. No último ano tiveron un crecemento superior ao 20% no número de usuarios, e calculan que de manterse a tendencia superarán os 10 mil usuarios de aquí a 2 anos.

En consecuencia están embarcados nunha "imprescindible" ampliación dos seus recursos humanos, traballadores e voluntarios, para poder xestionar o servizo "nas condicións que precisan os nosos usuarios". "O que máis falta nos fai é dispor dun local onde podermos realizar o noso traballo: unha pequena oficina", reclama o seu secretario, Manuel Casal Lodeiro. Os labores técnicos realizábanse ate o ano pasado desde Barakaldo, no País Vasco, pero decidiron abrir unha delegación en Compostela para poder estar máis en

contacto coa administración e coa rede cultural do país.

Esta entidade sen ánimo de lucro está á procura "dalgunha institución que nos axude cedéndonos un espazo, xa que os nosos ingresos son moi limitados e pagar un aluguer é un gasto adicional, pero de momento non tivemos resposta positiva", polo que insisten en solicitar o apoio de entidades galegas, públicas ou privadas, para poder poñer en marcha esta nova oficina técnica en Galicia desde a que seguir espallando cultura e galeguidade pola Rede: "É unha necesidade urxente porque queremos conformar un novo equipo humano para se encargar da xestión e programación informática e non temos un lugar axeitado desde onde traballaren".

A partir de Fillos.org fóronse creando outros sitios web, sempre co obxectivo de unir no mundo virtual, en igualidade, aos galegos "de Galicia" e aos do exterior. Entre os últimos proxectos postos en marcha en Internet por esta asociación están eTIqueTAL.com (unha web para "mocear" en galego), Debulla.info (un xestor compartido de "links" favoritos) e Nomes-Galegos.info (unha enciclopedia de nomes propios galegos de home e de muller).

Voltar

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia