PARA CENTROS PÚBLICOS NON UNIVERSITARIOS
Poderán participar nesta convocatoria os centros públicos de ensino non universitario dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Os seleccionados recibirán un paquete multimedia composto por un encerado dixital interactivo, un proxector e seis ordenadores portátiles, como máximo, que se enviarán no primeiro trimestre do curso académico 2007-2008.
Formación para os mestres
Ademais, percibirán unha dotación económica de ata un máximo de 2.000 euros para a posta en marcha do proxecto; así como asesoramento para o profesorado do centro, co obxectivo de mellorar o aproveitamento dos recursos informáticos e facilitar a súa incorporación á docencia.
Así mesmo, os centros de formación e recursos proporcionaranlles aos centros docentes apoio e asesoramento, tanto para a elaboración dos seus proxectos coma para o seu desenvolvemento.
Por outra banda, estes centros terán acceso ao espazo web www.edu.xunta.es/contidos/rede_tic, o que lles permitirá facilitar a creación e organización de materiais e recursos educativos por medio das novas tecnoloxías. Ademais, a Administración educativa difundirá as experiencias dos centros seleccionados a través da rede, e publicará os materiais producidos a través do portal galego de contidos educativos www.edu.xunta.es/contidos. Os centros seleccionados pasarán a formar parte da rede TIC 2007-2008.
Criterios de valoración
As solicitudes valoraranse atendendo a criterios coma o carácter innovador e pedagóxico do proxecto e a súa integración no proxecto curricular do centro; a coherencia do proxecto coa proposta de organización e dotación de espazos e de aulas no proxecto educativo do centro; e o acceso en igualdade de condicións e o fomento de valores democráticos.
Outro dos aspectos avaliados será a viabilidade do proxecto, tendo en conta o compromiso do profesorado coa formación no uso das TIC; a garantía de continuidade do proxecto; ou a experiencia previa na participación e desenvolvemento de proxectos de innovación ou formación e a experiencia en TICs do centro e os participantes. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá.
Esta convocatoria recolle a política da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na promoción do acceso ás novas tecnoloxías e no apoio ao desenvolvemento docente; tendo en conta que a competencia dixital é clave para a aprendizaxe ao longo da vida, e que o uso das TICs con fins educativos abre novas dimensións e posibilidades nos procesos de ensino e aprendizaxe.