Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

CONCLUSIÓN DO III CONGRESO DE DOMINIOS

As empresas españolas, pouco interesadas na compra de dominios de internet

29/05/2009 - 

As empresas españolas non están interesadas nos dominios xenéricos de internet e só se preocupan polo da súa propia marca, ao contrario do que acontece noutros estados europeos. Esta foi a conclusión do terceiro Congreso de Dominios de Internet, que tivo lugar en Madrid.

No encontro falouse do resultado da meirande poxa de dominios en castelán que se realizou hai dúas semanas, con escaso éxito, e salientouse a falta de interese das empresas alleas á rede por mercar dominios do seu sector. Así, representantes de Sedo.com, que efectuou a poxa, afirmaron que houbo 400 empresas interesadas en mercar dominios holandeses, fronte ao nulo interese polos españois.

No congreso, organizado polos expertos Alberto Domínguez e Carlos Blanco, concluíuse que os departamentos de internet das grandes empresas "non están á altura" e ocúpanse dos dominios ao final do proceso de lanzamento. Deste xeito, en moitas ocasións atopan que o dominio para o produto que queren lanzar xa está ocupado.

Segundo se comentou no foro, un problema é que moitos donos de enderezos pretenden ter rendibilidades do 100% nun sector con beneficios do 20%, aínda así moi superior ao doutras áreas. Tamén se asegurou que a nova liberalización de dominios anunciada pola ICANN fixo que moitas persoas interesadas estean a agardar a súa decisión.

Voltar

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia