Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

O PLAN PRETENDE QUE EN 2013 O 94% DA POBOACIÓN GALEGA TEÑA ACCESO Á BANDA LARGA DE CALIDADE

A Xunta pon en marcha o Plan Director de Banda Larga 2010 - 2013

18/02/2010 - 

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan Director de Banda Larga 2010-2013, que constitúe o marco estratéxico de actuación destinado a que a práctica totalidade dos cidadáns e empresas galegas teñan acceso de calidade á banda larga dentro de catro anos. Este proxecto forma parte dunha estratexia global do Goberno galego para situar a Galicia no núcleo avanzado da sociedade da información.

O PDBL conta cun orzamento de 102 millóns de euros e prevé superar os 232 millóns de euros mobilizando capital privado e doutras administracións co obxectivo de estender as novas tecnoloxías e infraestruturas de telecomunicacións de banda larga en tres áreas fundamentais: a social, a empresarial e a das administracións públicas impulsando a cooperación de todos os axentes implicados. Trátase dun plan transversal que contou coa colaboración de todas as consellerías da Xunta, dos concellos galegos, das deputacións provinciais e dos organismos ou entidades públicas de eido local ou provincial, así como dos distintos operadores de telecomunicacións.

Actuacións estratéxicas
O Plan prevé dotar de redes fixas de alta capacidade baseadas en fibra óptica aqueles núcleos de poboación con maior demanda desatendida e que actualmente non contan con posibilidade de acceso a servizos de banda larga de calidade. Ademais, potenciarase o actual operador público Retegal dotándoo de máis medios e capacidades para optimizar e acelerar a estensión da banda larga. Esta medida permitirá aproveitar a infraestrutura pública actual e reducir os custos do despregamento, así como favorecer a presenza dos operadores privados o que facilitará unha competencia e pluralidade efectiva que redunde en progreso para Galicia.

Estenderase a cobertura de banda larga aos núcleos de poboación da contorna rural mediante redes sen fíos, solventando así as distintas dificultades orográficas e de dispersión de poboación características de Galicia. A cobertura de redes de banda larga a toda a poboación galega completarase mediante o acceso vía satélite de calidade garantido a universalidade do servizo.

Impulsarase o despregamento de infraestrutura de nova xeración, capaz de ofrecer velocidades de conexión de ata 100Mbps. Estas redes serán a base de novos servizos innovadores e diferenciais que demandan cada vez máis largo de banda e que están chamadas a ser elementos imprescindibles para o desenvolvemento empresarial e a xeración de emprego en Galicia na nova economía do coñecemento.

O denominador común de todas estas actuacións é a prestación dun servizo de banda larga de calidade, con velocidades de acceso superiores a 2Mbps, podendo chegar a 100Mbps no caso de redes de nova xeración.

No sector empresarial o plan promoverá o máximo aproveitamento das novas tecnoloxías de banda larga como xeradoras de competitividade e innovación e, por tanto, de emprego. A modernización da Administración pública e local e outro dos obxectivos desta actuación para o que se impulsarán os servizos públicos dixitais de calidade e se garantirá o acceso á banda larga en todos os núcleos con puntos de demanda.

Minimizar as dificultades de despregamento e incentivar a demanda
Para facilitar e axilizar o despregamento das novas infraestruturas, o Plan Director de Banda Larga impulsará a inclusión dentro dos plans urbanísticos dunha previsión de espazos e canalizacións públicas dispoñibles, para a instalación de redes de comunicación. Desenvolverase un plan de aproveitamento de todas as infraestruturas dispoñibles en Galicia que garanta o uso eficiente dos recursos actuais.

Tamén se porá á disposición dos concellos unha oficina técnica de asesoramento e soporte sobre todas as iniciativas que se desenvolven en materia de redes de telecomunicacións e manterase actualizado o Mapa de Infraestruturas, o que permitirá dispor de documentación ampla e fiable que facilite a toma de decisións.

Incentivar a demanda
Co obxectivo de maximizar os beneficios do Plan Director de Banda Larga desenvolveranse programas de capacitación e achegamento aos usuarios, activaranse medidas para estimular a integración das TIC na empresa e reverter os baixos niveis de penetración das novas tecnoloxías especialmente no caso das micro pemes e dos autónomos. Tamén se levarán a cabo programas de capacitación e alfabetización dixital para os colectivos menos favorecidos, que incluirán subvencións económicas para os usuarios finais.

Como resultado destas actuacións preténdese que en 2013 o 94% da poboación galega conte coa posibilidade de acceso a un servizo de banda larga de calidade, que a porcentaxe sexa do 100% nos núcleos de máis de 100 habitantes.

Ademais, o Plan cubrirá a demanda do 6% restante a través de servizos de acceso vía satélite. Deste xeito, a curto prazo, perséguese que xa en 2011 se reduza en máis do 50% a fenda dixital existente entre as provincias da Coruña e Pontevedra con Lugo e Ourense.

Outro obxectivo para 2013 é que o 100% dos núcleos con demanda por parte da Administración pública e o 96% das empresas dispoñan de acceso a banda larga de calidade, coa meta a curto prazo de que en 2011 se cubra a totalidade dos polígonos industriais e dos parques empresariais.

Finalmente, está previsto darlle cobertura a máis de 1 millón de habitantes con redes de nova xeración, e polo tanto, con velocidades de ata 100Mbps, posibilitando así o acceso a novos e máis avanzados servizos da sociedade da información.

Situar a Galicia entre as rexións de referencia das novas tecnoloxías
O Plan de Banda Larga é unha folla de ruta que se definiu tras analizar o escenario de partida de Galicia en materia de despregamento económico e que ten como obxectivo reverter a situación que mostra o actual Mapa de Infraestruturas de Telecomunicacións de Comunidade.

A falta dunha estratexia global de despregamento de infraestruturas de novas tecnoloxías, xunto con outros factores, motivou que Galicia sexa unha dascomunidades autónomas menos desenvolvidas en materia de acceso aos servizos de telecomunicacións e en progreso da sociedade da información.

Neste sentido, destaca o feito de que a Comunidade está á cola das autonomías na porcentaxe de fogares con banda larga (con 14,8 liñas por cada 100 habitantes) e na de empresas con acceso a internet (42%). Ademais, o desequilibrio territorial medrou nos últimos anos, e seguen incrementándose as diferenzas entre a contorna rural e urbana en materia de acceso á sociedade da información.

Segundo os datos do Mapa de Infraestruturas de Telecomunicación, no sector residencial existen, actualmente, 786.000 galegos que non poden acceder á banda larga, é dicir, case un 30% da poboación de Galicia. En relación co acceso á banda larga nos servizos públicos, o Mapa de Infraestruturas amosa que carecen del o 41% das entidades de poboación con centros da Administración, como centros educativos, sanitarios, etc.

Finalmente, no tocante ao sector empresarial, estímase que a demanda non cuberta é do 16%, cunha situación que empeora sensiblemente nas actividades empresariais vinculadas ao mundo rural, destacando que o 64% das explotacións gandeiras ou o 51% das casas de turismo rural se atopan en zonas onde non existe posibilidade de conexión de banda larga. Estes datos poñen de manifesto a existencia dunha barreira importante para o aproveitamento das TIC como motor para a dinamización e a competitividade empresarial e, polo tanto, para o crecemento dos sectores produtivos chave para Galicia.

Voltar

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia