Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

ESQUEMA NACIONAL DE INTEROPERABILIDADE

A eAdministración usará estándares abertos

04/02/2010 - 

O BOE vén de publicar a norma que guiará a actuación das Administracións Públicas en materia de interoperabilidade: o Real Decreto 4/2010, de 8 de xaneiro (BOE de 29 de xaneiro), polo que se regula o Esquema Nacional de Interoperabilidade no ámbito da administración electrónica.

O Real Decreto 4/2010 regula o citado Esquema previsto no artigo 42 da Lei 11/2007, de 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos Servizos Públicos. Entre os seus obxectivos principais está o de incluír os criterios e recomendacións que deberán ser tidos en conta polas administracións públicas para a toma de decisións tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade e que eviten a discriminación dos cidadáns por razón da súa elección tecnolóxica. Isto é, introducir os elementos comúns que deben guiar a actuación das administracións públicas en materia de interoperabilidade, achegando unha linguaxe común para facilitar a interacción das administracións públicas, así como a comunicación dos requisitos de interoperabilidade á industria.

O Esquema Nacional de Interoperabilidade persegue a creación das condicións necesarias para garantir un nivel axeitado de interoperabilidade técnica, semántica e organizativa dos sistemas e aplicacións empregados polas Administracións Públicas, que permita o exercicio de dereitos e o cumprimento de deberes a través do acceso electrónico aos servizos públicos, á vez que redunda en beneficio da eficacia e a eficiencia.

O Real Decreto 4/2010 trata tamén da interoperabilidade da sinatura electrónica e dos certificados, así como a reutilización, nas administracións públicas, das aplicacións e da documentación asociada e doutros obxectos de información.

Aténdese na norma á recuperación e conservación do documento electrónico, segundo o establecido na citada Lei 11/2007,de 22 de xuño, como manifestación da interoperabilidade ao longo do tempo, e que afecta de forma singular ao documento electrónico.

Por último, créanse as normas técnicas de interoperabilidade e os instrumentos para a interoperabilidade, para facilitar a aplicación do Esquema.

A norma ten en conta as recomendacións da Unión Europea, a situación tecnolóxica das diferentes Administracións Públicas, así como os servizos electrónicos xa existentes, e a utilización de estándares abertos así como, no seu caso e de forma complementaria, estándares que sexan de uso xeneralizado polos cidadáns.

O ámbito de aplicación desta norma é o establecido no artigo 2 da Lei 11/2007, de 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos Servizos Públicos.

Voltar

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia