Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

IMPLANTACIÓN DA FACTURA ELECTRÓNICA

Facenda confirma que o 26 de febreiro estará operativo o rexistro electrónico de facturas

17/02/2010 - 

A conselleira de Facenda, confirmou hoxe que o vindeiro día 26 de febreiro comezará funcionar na Administración autonómica o rexistro electrónico de facturas, que garantirá que o pago das facturas por parte da Xunta de Galicia se faga en 45 días, 15 menos do máximo legal.

Portal Electrónico
A conselleira explicou que a pretensión do seu departamento “é moito máis ambiciosa que simplemente rexistrar a data de entrada dunha factura”, xa que se crea un Portal Electrónico para centralizar as facturas, incorporalas ao sistema e consultar o seu estado de tramitación, xa sexan enviadas á Administración en formato dixital ou en formato papel. Ademais, sinalou que se disporá de información relevante para a Administración, tanto desde o punto de vista orzamentario como de xestión da tesourería.

Tamén resaltou que a propia Administración poderá coñecer e xestionar axeitadamente a súa propia facturación. Así, a conselleira resumiu que se busca acadar catro grandes obxectivos: “un mellor servizo a cidadáns e empresas, menores custes, mellorar a liquidez das empresas, así como unha xestión moderna, rápida e eficaz”. E salientou que “este é un primeiro paso, importante, pero só o primeiro ao que seguirá a licitación electrónica”, que permitirá incorporar os beneficios do comercio electrónico á contratación da Administración autonómica.

A secretaria xeral de Modernización pola súa parte, destacou que a posta en marcha da factura electrónica supón un punto de inflexión no desenvolvemento da estratexia TIC da Xunta de Galicia como un requirimento para avanzar e consolidar o desenvolvemento da administración electrónica. A responsable de Modernización indicou que estas iniciativas están integradas no Plan de acción para o desenvolvemento da Sociedade da Información 2010, que se estrutura entorno a catro eixos de actuación prioritarios: as Telecomunicacións, o desenvolvemento do eGoberno, a dinamización do uso das TIC e a promoción do sector Empresarial da Sociedade da Información.

Pola súa banda, o director do CIXTEC, explicou como vai funcionar o sistema dende que a factura entra na Administración a través do Portal de entrada de facturas, así como a súa validación e conformación, ata que se produce o seu cobro por parte do interesado.

Ademais, este sistema permitirá centralizar e tratar de xeito uniforme todas as facturas emitidas polos distintos provedores da Administración, co que se obterá “unha xestión máis rápida e eficiente das mesmas”; realizar a incorporación das facturas ao sistema e a consulta do seu estado de tramitación; permitirá xestionar as facturas emitidas, habilitando os trámites de aprobación para cada un dos actores que participan no proceso.
 

Voltar

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia