Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

EQUIPAMENTO E USO DAS TIC NOS FOGARES

As novas xeracións galegas xa superan a media estatal no uso de internet

05/10/2009 - 

O OGSI analiza tamén os datos do INE sobre equipamento e uso das TIC nos fogares no ano 2009. Segundo este informe, a poboación galega foi un importante uso da administración electrónica e a penetración das novas tecnoloxías está a experimentar unha evolución positiva. Non obstante, segue por debaixo da media estatal en varios indicadores. Factores xeográficos e socioeconómicos, como a dispersión e a composición da poboación xogan en contra.

TIC nos fogares

Segundo os datos do INE, o 58,5% dos fogares do país dispón dalgún ordenador, o que supuxo un crecemento de máis do 9% con respecto ao ano anterior. Segue, aínda, por debaixo da media estatal, que foi do 66,3%. Se analizamos o tipo de ordenador, o PC de sobremesa está no 44% dos fogares, e os portátiles -que medraron máis de oito puntos- no 31,6.

As conexións a internet medraron un 6,5% con respecto a 2008, ata o 42,3% dos fogares fronte ao conxunto do Estado, que chega ao 54%. O que máis medrou foi a porcentaxe de conexións a banda larga, que acadou en 2009 o 38,3% da poboación, un 20,4% máis ca no ano anterior, un incremento maior ca o do conxunto do Estado. Porén, Galicia segue a estar nos últimos postos no contexto autonómico, coa media estatal no 51,3% de fogares conectados.

Equipamento tecnolóxico

Cada vez está máis presente o equipamento tecnolóxico nos fogares galegos, especialmente relacionado coas actividades de lecer. O teléfono móbil xa supera ao teléfono fixo en máis de 9 puntos. O DVD está no 66,9% dos fogares e o MP3 no 42,7%. A televisión é xa un electrodoméstico practicamente universal, e a TDT acadou o 41,9% das vivendas (14,9 puntos máis ca en 2008) e o cable o 22,8%.

O hábitat é o factor que máis inflúe en determinar se unha poboación está en risco de exclusión. Así, a conexión a internet é moi superior nas cidades ca nos núcleos de menos de 10.000 habitantes que, á súa vez, están aínda máis afastados da media estatal.

Uso das TIC

O estudo indica que o 54,3% da poboación galega utilizou o ordenador nos últimos tres meses, fronte ao 63,2% da media estatal. Un 49,8% dos galegos accedeu a internet nese mesmo período, fronte ao 59,8% da media estatal. A enquisa indica, ademais, que se está a producir un paulatino incremento das compras a través de internet, e redúcese a distancia coa media do Estado.

Tamén se aprecia que Galicia está a adiantar o conxunto do Estado no grupo de idade de 16 a 24 anos en uso de ordenador e Internet nos tres últimos meses, así como nas compras dos mozos/as a través da Rede. A proporción de mozos/as que usaron o ordenador nos últimos tres meses na nosa Comunidade é do 95,4% e do 93,7% para o Estado. Para o uso de Internet nos tres últimos meses, a porcentaxe é dun 94,1%,fronte ao 92,3% do conxunto do Estado. Nas compras por Internet a vantaxe dos mozos galegos (23,5%) é de 4,6 puntos.

Entre as novas xeracións, o uso das TIC é moi alto. Así, o uso de ordenador entre os menores galegos é practicamente universal (89,5%) mentres que o 77,3% xa utiliza internet.

Toda a información de análise, os informes e os estudos monográficos do Observatorio pode consultarse no sitio web: ogsi.sociedadedainformacion.eu

Voltar

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia