Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica Estratexia galega da Sociedade da Información

Ramón Bermúdez de Castro, Decano do colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia

"É importante que a Administración promova un ente capaz de coordinar as actividades do sector TIC"

30/10/2009 - 

O decano do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, concedeu unha entrevista en exclusiva ao portal da internacionalización das empresas galegas, ByGalicia, onde dá respostas claras a cuestións sobre a sociedade da información, a actualidade do sector ETIC, os procesos de investigación e desenvolvemento das empresas galegas do sector, entre outros.

Ramón Bermúdez de Castro

-Como ve a situación da Sociedade da Información en Galicia?

-Hai que distinguir dúas Galicias. Hai unha Galicia rural e unha Galicia urbana. Na urbana, eu penso que os índices de penetración da sociedade da información, sen seren os equivalentes a moitos dos de Europa, está máis próxima con respecto á media do Estado Español. A Galicia rural é moi distinta. En canto ás empresas, tamén hai que distinguir entre as empresas medianas de tamaño medio-alto e as de tamaño pequeno. Nas de tamaño medio-alto estase na media nacional, pero nas pequenas tamén está bastante distante. Aínda que se avanzou moito nos últimos anos, penso que os índices de penetración da banda larga, que é un dos parámetros que miden a Sociedade da Información, debe de estar aproximadamente no 30% dos fogares, incluso menos. No tema da Galicia rural é tremendamente inferior. Vistas estas cousas, eu diría que ata chegar a porcentaxes de penetración de países como Dinamarca ou Suecia, aínda dista moito. Temos moito que facer, aínda que se está facendo un grande esforzo.

-Que accións se poden acometer para mellorar a situación de Galicia na Sociedade da Información?

-En primeiro lugar hai que poñer as infraestruturas. Temos que seguir investindo en accións públicas da administración, o que se chama infraestruturas: redes de banda larga que permitan as telecomunicacións a alta velocidade. Tamén é necesaria a concienciación da sociedade: se temos autoestradas e a xente non as utiliza, non serven de nada. Hai que facer unha educación dixital da sociedade, ensinarlle para que vale internet, que utilidade ten e cales son as súas vantaxes. En terceiro lugar, unha vez a poboación está educada, unha vez as redes están fisicamente, aí temos que estimular a demanda da sociedade, porque se non hai demanda, por moi educada que estea e por moitas redes que haxa, non vale para nada. Estimúlase ofrendo servizos á sociedade que son útiles, que teñen un atractivo.

-Como poden contribuír as TIC á saíde da crise e á expansión económica?

-Esta crise supón unha oportunidade para cambiar o modelo industrial que temos. Estaba baseado nunha economía composta por man de obra pouco cualificada, como é o caso da construción. É importante para levar o país ao nivel de desenvolvemento que lle corresponde no século XXI tender a unha sociedade do coñecemento, onde os empregos teñan un valor engadido importante: sexan de alta cualificación. As TIC inflúen na socialmente e industrialmente. Socialmente, as TIC favorecen a comunicación entre a cidadanía, coas empresas e coa administración; facilitan o intercambio de comunicación e con el vén o comercio e unha serie de posibilidades de xeración de novas actividades que son útiles para a sociedade e que aumentan o nivel de intercambio de bens e servizos. Dende o punto de vista industrial pódense ver como ferramentas para optimizar e mellorar a produtividade e a competitividade das nosas empresas. Hai que fomentar tamén que se xeren unha serie de empresas que produzan estes servizos asociados á Sociedade da Información. Con iso estamos creando novas empresa s e novo emprego cualificado.

-Que valoración fai das TIC en Galicia?

-Non sería triunfalista. No sector, hai illas, hai empresas que fan unha serie de actividades, pero son experiencias illadas. Non hai un tecido industrial das tecnoloxías da información. Non é como a empresa da madeira, onde hai un sector da madeira, ou da conserva, ou do naval. Non hai un sector consolidado de tecnoloxías da información. Hai empresas pequeniñas que fan cousas. Para constituír un sector, o que temos que facer é que haxa unha potenciación, ten que haber un ente que lidere a formación deste sector. Hai que favorecer o intercambio de experiencias. Penso que é importante que a Administración promova un ente público que sexa capaz de coordinar as actividades do sector. As empresas TIC crecen das ideas, normalmente son creadas por xente nova. Poden tamén xurdir dunha multinacional que se instala aquí, por iso é importante que haxa un ente que rixa e que teña clara a planificación dese sector. Se hai unha multinacional hai que seguir por ese camiño, pero tamén hai enxeñeiros novos que creen as súas empresas. Hai que converter esa man de obra da multinacional en empresas autóctonas e consolidar esas empresa. Se un mira os últimos éxitos das TIC, ve empresas como Google, creada por estudantes universitarios que saen dunha idea, e é que nos EUA e noutros países poden soportar esas magníficas ideas. Temos esas ideas, temos facultades, estou seguro de que temos moita xente, o que fai falla é que esa xente se apoie para crear ese tecido industrial. E teno que facer a Administración.

Pode acceder á entrevista completa e en vídeo no portal ByGalicia.

Voltar

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia